Vilanova de Arousa ofrece moitas actividades ao aire libre para gozar dos calorosos seráns. Unha das súas maiores propostas son as clásicas ‘Sonatas de verán’ que forman parte da programación estival das fins de semana durante os meses de xullo, agosto e setembro.

Na súa XXX edición, acollerán diversas actuacións musicais que procuran contentar a diversos públicos. En primeiro lugar, o 27 de xullo, o concerto de Roi Casal, que fará parada na súa xira ‘Son Galego, son Cubano’. Trátase dun espectáculo que este ano cumpre coa súa cuarta temporada e mistura a música tradicional das dúas terras baixo unha narrativa lírica que conta o acontecido en Cuba cos galegos emigrados grazas ás aportacións realizadas polo recoñecido escritor galego Xosé Neira Vilas. Actualmente, o catoirense é considerado como unha das grandes referencias musicais de Galicia e actuará no Xardín Umbrío de Vilanova de Arousa ás 22.00h.

O próximo sábado 3 de agosto ás 22.30h é a quenda das danzas tradicionais no espectáculo ‘O Mundo a Danzar’, que achegou a miles de persoas nas edicións anteriores, resultando un gran éxito de público, e que reúne a varias bandas de folclore internacional. Contará con grupos de música e baile procedentes de Bolivia, Filipinas, Xapón e Serbia subindo ao palco a un total de 150 artistas en fermosas actuacións.

O venres 9 de agosto a partir das 22.00h actuará a orquestra Panorama. Nesta temporada, presentan unha xira baixo o entitulado de The Number One Tour no que fan repaso dos grandes éxitos musicais de todos os tempos levando ás mellores verbenas as cancións protagonizadas por estrelas como Michael Jackson, Beyoncé, U2… Ademais da novidade do espectáculo, este ano chega coa incorporación das voces de Fátima Pego, Rulo Paz e Irene Iglesias, que xa compartiu o escenario da Panorama en anteriores etapas.

Por último, as coñecidas De Vacas farán as súas propias interpretacións das cancións más coñecidas polo público o vindeiro sábado 24 de agosto. O grupo que nun principio naceu sen pretensión de ser un proxecto serio, converteuse en viral na Internet grazas as súas versións acústicas e en galego, como ‘Amodiño’ ou ‘Gagnam Style’.



Comentarios

comentarios