O catoirense Roi Casal lleva anos xirando co seu “Son Galego, Son Cubano”, unha obra de gran éxito de público onde pronto comezará o seu cuarto ano no que participará nas principais vilas de Galicia. Xa ten pechadas dúas novas datas: o venres 24 de maio ás 21.00h no Auditorio Municipal de Lalín, e o sábado 25 de maio ás 20.00h no Pazo de Cultura en Narón.

Son galego, Son cubano foi presentado no Gran Teatro da Habana (Palacio do Centro Galego) no mes de Maio de 2016 con dous memorables concertos. Un espectáculo inesquecible que contén letras de Xosé Neira Vilas acompañadas dunha posta en escena dos mellores músicos de ambos os dous países. Un directo que foi visto por máis de 100.000 espectadores desde a súa primera representación en Cuba.

Así mesmo, Roi comezou sendo membro da banda folk-galega Milladoiro. No 2008 fixo a súa primera aparición en solitario co seu álbum debut Lendas Douradas onde se centraba nunha música máis pop con destacables letras dos poetas Rosalía de Castro e Manuel María, ademais das súas propias composicións.

Como xurdiu este proxecto de Son Galego, Son Cubano?

Xurdiu dun xeito espontáneo, en verdade! Hai algúns anos, lembro que na Habana no 2014, encontrábame de xira coa miña banda e nunha desas actuacións propuxéronnos facer algo que relacionase Galicia con Cuba, xa que son dous lugares que están intrinsecamente relacionados. Aquel día, eu fora a facer a compra polo centro da cidade vella e no parque central atopei un edificio que se podía ler: “Antiguo Palacio de Centro Gallego” un edificio de estilo romántico que foi moi importante porque alá viviran intelectuais como Curros Enríquez.

No entanto, cando empezamos a proxectar toda esta idea de maneira musical, comezou o contacto co escritor Xosé Neira Vilas, pois sei que el viviu trinta e dous anos alá nada máis iniciar a “Revolución Cubana” onde aproveitou tamén para escribir varios libros sobre a relación entre os dous países.

Certo! De feito, foi un dos escritores máis importantes da narrativa ensaística…

El chamoume e intereseime por toda a súa historia. Ademais, el tamén me axudou moito a poder asesorarme polo acontecido en Cuba cos galegos emigrados e quixo colaborar, grazas a súa grandeza, escribindo algunhas letras. Logo, todo ese traballo, foi un proceso de viaxar moito a Cuba, de empaparme sobre todo da música de alí…

Tempo despois, por desgraza, Neira Vilas faleceu dous meses antes da estrea do espectáculo e converteu todo este proxecto case coma unha homenaxe, porque tornou todo coma se fose unha verdadeira epopea galega.

Canto pensas que é o impacto da creación de “Son Galego, Son Cubano” na cultura galega? Como o estás vivindo ti coma músico?

“Son Galego, Son Cubano” converteuse nun gran espectáculo musical entre Galicia e Cuba, que era o que soñaba nun principio. Con ese proxecto, desde o 2016 que o estreara, non sabía se íamos durar 6 meses, porque é unha cousa moi distinta do que fixen ata aquela. ¡Como empecei na música como artista do grupo Milladoiro, despois fixen a miña carreira en solitario cunha proposta máis pop, e de súpeto aparecer con algo así pois… eu non sabia que ía suceder, honestamente!

Para min, ver que estamos no 2019 e que contamos cun gran número de concertos con cada vez máis público que vanse incorporando por cada volta da nosa xira… só podo dicir que noto que existe un cariño especial por parte da xente a este espectáculo.

Falando un pouco da túa carreira musical, ti comezaches en solitario con Lendas Douradas, que foi o teu primeiro álbum. Como cres que foi a túa evolución?

Teño que recoñecer que escoito a miña discografía anterior e xa me queda moi lonxe! Mesmamente, eu tamén mudei tanto por persoa coma por músico. O meu paso por Milladoiro foi moi enriquecedor para min, pero logo tiven que cambiar a miña responsabilidade para ser eu o solista e pouco a pouco ir tirando dun grupo de xente que traballase comigo. Durante este tempo cambiei moito como artista e o meu punto de vista do que significa a música coma arte.

É algo natural e que lle pasa a todo o mundo que leva moitos anos nisto, que ímonos dando conta de que nos nosos comezos empezamos coa inocencia de querer facer só cancións. Esa inocencia aínda a teño cando sento diante do piano a compoñer unha canción, pero si que agora teño unha certa madurez que me permite incorporar outras reflexións en torno ao que significa a carreira dun artista en directo.

Nos meus comezos eu non quería ser un cantante, pero pouco a pouco fun descubrindo que canto máis cantaba, máis aceptaba a xente a miña proposta musical. Esa foi unha desas facetas que con naturalidade fun incorporando aos meus espectáculos, ao contrario do que foi con Milladoiro, que era unha música moito máis artística.

Que queda daquel Roi que xogaba polos camiños de Catoira e os veciños lle chamaban o fillo do farmacéutico?

E sigo andando polos camiños de Catoira! Non deixei de ser un mozo de aldea que cre no privilexio de vivir nun entorno natural. Aínda así, sigo tendo a mesma paixón pola música, por querer facer ben as cousas…

Tes algún traballo aí pendente ou algunha nova?

“Son Galego…” seguirá xirando porque aínda lle queda un longo traxecto por diante, a xente poderá seguir vendo a Roi Casal facendo un dos seus proxectos máis importantes. No que si estou traballando, e que muda completamente de rexistro, é o que estou preparando cun coñecido produtor. Estou preparando varias cancións novas nas que quero realizar algo diferente na miña carreira. Aínda así, penso que é algo que o público é o que espera de min, que non me repita, que non lle dea coas mesmas propostas musicais.


Comentarios

comentarios