Nace a ‘Asociación de Profesionais Técnicos ao Vivo’ (APTAV), unha agrupación que une a un centenar de técnicos profesionais co obxectivo de poñer en valor á profesión dando visibilidade á denuncia das condicións de traballo abusivas que eles sofren. Técnicos de iluminación, son, vídeo, rexiduría, backline, rigging, montaxe de estruturas, persoal auxiliar… entre outros, son algúns dos oficios que aglutina este colectivo.

Desde a asociación aclaran que queren “rematar coa imaxe dos técnicos/as comendo e cenando cun “bocata” no propio posto de traballo” e acabar coas longas xornadas de 12 horas de traballo que lles impiden a conciliación laboral. Unha formación que arranca logo de varios anos “de laios persoais”, como apuntan.

Unha das primeiras apostas é a da creación dunha asesoría legal para os asociados/as e a posta en marcha dun sindicato galego de técnicos que poida participar na actualización anual do convenio colectivo pertencente ao seu sector laboral. Tamén participarán de forma activa nos centros de estudos promovendo cursos de formación por toda Galicia.

Con certeza, a APTAV remarca que “é o momento de dignificar a profesión e rematar coa invisibilidade para sermos coñecidos e respectados”


Comentarios

comentarios